Transcribimos a carta enviada pola federación de ANPAS de Compostela, adicada a todalas familias con nen@s en terceiro de primaria, que estarán sometidas á proba "reválida" os días 24 e 25 deste mes:
"...Prezadas familias de terceiro de primaria,
Os pasados días 11, 12 e 13 de maio as familias galegas que teñen fillos e fillas en sexto de primaria decidiron masivamente que non fosen á escola eses días para non ter que facer as probas de avaliación , o que coñecemos como reválidas de sexto.
No Ensino Público, no noso, calculamos ao redor dun 80 % o número de familias de toda Galicia que tomaron esa decisión. Na nosa Federación consolidamos esa marca, a non asistencia foi exactamente do 80,72 % , e houbo moitos centros como o López Ferreiro ou o Apóstolo Santiago en Compostela, ou o colexio de Dodro ou o do Meson do Vento onde non asistiu ningún neno eses días a clase, pero os casos de non asistencia de máis do 80 % son xa a tónica xeral desas xornadas.
Agora temos por diante unha nova convocatoria de reválidas para os nenos e nenas de terceiro de primaria, os vosos fillos e fillas; a Administración pretende avalialos de competencias lingüísticas en galego e castelán, e de competencias matemáticas, queren examinalos nun día do que levan todo o ano formándose e sendo avaliados de forma continua.
A razón pola que as nenas e nenos das familias de sexto non acudiron masivamente ao colexio eses días foi porque non querían ser etiquetados, non querían ter unha marca que dixera o que ese neno ou nena fixo eses días, non querían que levaran ese condicionante para o futuro; o que as familias queren é que esa información veña da man do que poida dicir a titora ou titor do neno, a persoa que os coñece e sabe valoralos na súa integridade, non o que poidan dicir uns exames feitos sen coñecer aos nenos e nenas, e pensados para outorgarlles unha marca, coma se os nenos puidesen ser marcados.
As familias de sexto viron con moita claridade que esta pelexa é un esforzo a longo prazo, xa non é tanto que protestemos para que non se faga o exame que afecta aos nosos fillos e fillas, senón que queremos evitar que continúen incorporándose barreiras dentro do ensino obrigatorio; non só dicimos que non queremos reválidas en terceiro ou en sexto, dicimos xa que non as imos tolerar na ESO nin no bacharelato, porque esas si que poden romper a vida académica dos nosos fillos e fillas.
Protestamos no presente para evitar males no futuro, dicimos agora o que non queremos que ocorra despois, poñemos os cementos do que debera ser un Ensino Obrigatorio inclusivo, no que caiban todos e non se bote fóra a ninguén, traballamos aos oito anos para cando sexan nenos de once, quince ou dezasete, como facemos todos os días, mirando cara ao futuro.
As familias de sexto marcaron o camiño, fondo e ben marcado, continuemos na súa mesma liña e teremos moito gañado contra os que queren clasificar aos nosos fillos e fillas.
Non mandades aos vosos nenos e nenas ao colexio os días 24 e 25 de maio, é polo seu ben, polo seu futuro..."
Ningún comentario:
Publicar un comentario