venres, 19 de novembro de 2010

Xuntanza en San Caetano

8 Federacións de Anpas, unidas baixo o nome de Anpas Galegas, fomos onte 18 de novembro a unha reunión co conselleiro de educación Jesús Vazquez. Entregámoslle un manifesto que podedes ler a continuación:



MANIFESTO
polo Ensino Público

1. Defendemos un Ensino Público gratuito, democrático, integrador, coeducativo, laico e
axeitado á realidade galega.

2. Rexeitamos calquera diminución dos orzamentos da Consellería de Educación e demandamos o
incremento dos orzamentos e recursos destinados aos centros públicos e o recorte progresivo
dos concertos co ensino privado-concertado, ata a súa eliminación.

3. Reclamamos que pasen a ser competencia da Consellería de Educación todos os gastos de
todos os centros educativos de ensino público: mantemento, obras menores, etc.

4. Demandamos unha maior dotación de profesorado e de persoal auxiliar nos centros:
administrativos/as, educadores/as sociais, coidadores/as e especialistas.

5. Requirimos a redución das ratios de alumnos/as por aula.

6. Rexeitamos e denunciamos a eliminación do programa de gratuidade dos libros de texto e
outros materiais didácticos, e pedimos a restauración do programa que funcionou ata o curso
2009-10.

7. Rexeitamos o Decreto do Plurilingüismo e reclamamos o mantemento do Decreto 124/2007 e
o cumprimento do mesmo, co fin de facer efectivo o Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega.

8. Reclamamos a xestión dos comedores escolares por parte da Consellería de Educación e o
incremento do seu finanzamento con criterios igualitarios.

9. Demandamos o mantemento e ampliación do servizo de transporte, a mellora da flota e o
cesamento no recorte de liñas.

10. Solicitamos a redistribución do mapa das zonas educativas de Galicia e o incremento,
naquelas zonas de maior densidade de poboación, da oferta de prazas escolares públicas e
gratuitas, especialmente na Educación Infantil e de 0-3 anos.

11. Demandamos a elaboración dun Plan contra o fracaso e o abandono escolar.

12. Reclamamos a elaboración dunha Lei do Sistema Educativo Galego.

13. Esiximos que o alumnado teña garantido o acceso á Universidade sen trabas económicas.

ASINADO por:
Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS),
Federación Compostela de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, Santiago
Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Ferrolterra,
Federacións de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos do Val Miñor,
Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Cangas,
Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Moaña,
Federación de Asociación de Nais e Pais de Alumnos de Bueu,
Federacións de Anpas de Ponteareas, FANPO,

En xeral, saímos contentos da reunión, escoitaron as nosas demandas e reivindicacións. Aínda que non houbo unha resposta clara a esas demandas cremos que foi un punto de partida para posibles próximos encontros

Noticias relacionadas:
La voz de Galicia
El correo gallego

Ningún comentario: