xoves, 24 de setembro de 2009

NON TEN DESPERDICIO...

Hai un ataque ao ensino público que non se recorda en Galicia

Iso di o Sr. Vazquez, o que non di é que o ataque é por parte da conselleria de educación e non o contrario como pretende facernos crer, lede a continuación este artigo publicado na web de Confapa-Galicia

Despois dunha semana «quente», o responsable de Educación valora positivamente o inicio de curso, no que segundo el houbo máis incidencias políticas ca educativas Jesús Vázquez afirma que está a vivir un inicio de curso tranquilo. Os sindicatos non comparten a súa opinión, pero o responsable de Educación da Xunta acusa á oposición de orquestrar toda unha campaña contra o ensino público en Galicia.




-Di que foi un comezo tranquilo, pero ata houbo unha folga nas escolas de idiomas.

-É o ano de menor número de incidencias se falamos de cuestións puramente educativas. Se lle unimos cuestións e movementos políticos, a sensación pode ser diferente, porque hai unha serie de partidos intentando provocar esa sensación.

-¿Vai retirar a circular que provocou a folga nas escolas de idiomas?

-Non. É unha circular que cumpre coa normativa que existe. O único que estamos facendo é intentar crear un modelo de ensino de idiomas avanzado. Non estamos a facer nada que non exista noutra comunidade española. De feito, hai sindicatos que non se uniron á folga, que tivo un 50% de participación, non de todo o profesorado.

-¿Entón os docentes antes non cumprían o horario?

-O que ocorre é que había unha circular do último ano do conselleiro Celso Currás onde se falaba de impartir docencia a tres grupos de 4,5 horas. Iso era o que se estaba facendo con carácter xeral. O único que estamos a dicir é que, igual que en toda a secundaria, agora impartirase docencia a catro grupos de 4,5 horas. É o mesmo que está a pasar con todo o profesorado.

-¿A oposición está avivando aos sindicatos?

-Rotundamente si. O din os mesmos sindicatos, que nunca se viu nada parecido en Galicia. Hai unha reacción moi contraria ao que é un Goberno lexitimamente elixido nas urnas, e hai un claro interese político en facer dano ao Goberno de Núñez Feijoo a través da Consellería de Educación. Existen uns movementos políticos por parte do PSdeG especialmente, e por parte do BNG, que están utilizando todos os seus instrumentos para facer dano á educación con mentira tras mentira.

-A propia consellería recoñecía un descenso dun centenar de docentes de pedagoxía terapéutica (para nenos con problemas). ¿Non é reducir custes cos máis débiles?

-É imposible ter quince días antes do inicio das clases a todo o persoal colocado. É unha práctica habitual que conforme comeza o curso vaise adicando profesorado ás necesidades que xorden. Nestes momentos aínda se están asignando docentes nos centros onde os comités de orientación din que existen necesidades.

-¿Pode afirmar entón que a plantilla deste curso vai ser máis ampla que a do pasado?

-Nestes momentos só en primaria hai máis de 200 profesores a maiores. E non pode ser menor, porque en primaria, infantil e FP o número de alumnos incrementouse.

-¿Teme unha folga xeral do ensino durante este curso?

-Non, é imposible porque o sentir da rúa non é ese. Se falamos de cuestións educativas, é o ano co menor número de incidencias. Outra cousa é que detrás de cada reunión que se mobiliza en vilas ou comarcas sempre se pode ver a persoas, militantes e a cargos de partidos políticos. Estase producindo un ataque ao ensino -ademais ao público- por parte destes partidos que non se recorda en Galicia.

A verdade é que despois de ler isto non sei se votarme a rir ou chorar... e a vós que vos parece?

Ningún comentario: