xoves, 10 de setembro de 2009

"MOCHILAS VALEIRAS" (10/09/09 xornal.com)

Informarán os pais do sistema de axudas para a adquisición de libros de texto, entregaranlles os formularios necesarios para solicitalas e recollerán a documentación que cada familia está obrigada a achegar, pero nada máis. Os equipos directivos de case todos os centros públicos de Infantil e Primaria das áreas de Vigo (43) e Pontevedra (32) néganse a introducir todos estes datos na aplicación informática implementada pola Consellaría de Educación. Ocupados cos preparativos para o inicio do curso, argumentan, resístense a perder o tempo nun traballo que a Xunta “debe poñer en mans do seu propio persoal administrativo”. É a enésima resistencia coa que tropeza o que a Consellería de Educación chama “gratuidade solidaria”, un sistema de axudas á compra de libros de texto que só beneficiará, teima a oposición, o 25% da poboación.


Os centros de Pontevedra iniciaron a protesta o pasado 2 de setembro. Reunidos os directores dos colexios públicos da cidade con representantes doutros concellos da provincia, acordaron por unanimidade comunicar a Educación a súa negativa a introducir na base de datos a información dos solicitantes. “Debido á imposibilidade horaria dos cargos directivos e á ausencia de persoal administrativo”, explicaban na carta remitida ao xefe provincial da consellería, os centros non asumían a incorporación desa información á rede.

Agora, outros corenta centros de Vigo súmanse a unha iniciativa que xa afecta a uns 15.000 alumnos, o 20% dos que mañá están chamados a regresar ás aulas en toda a provincia. Uns e outros, a través desta protesta, instan á Consellaría de Educación “a tomar as medidas oportunas para evitar a posíbel demora” na tramitación destas axudas. A final de mes, unha vez rematada a recepción de solicitudes, entregaranas na delegación territorial da Consellaría de Educación de Pontevedra. A partir de aí, a pelota estará no lado da Xunta.

MOCHILAS VACÍAS

Se nada cambia, moitos nenos do sur de Galicia volverán mañá ás aulas coa mochila baleira, e non precisamente porque os responsábeis dos seus colexios se sumasen a esta iniciativa das asociacións de directores de centros públicos de Vigo e Pontevedra. Unha cousa é que as solicitudes non se tramiten até o día 30 de setembro como medida de presión e outra moi distinta que as familias non poidan adquirir de seu os manuais para logo pasarlle a factura á Xunta. Poden, e de feito ese é o sistema previsto pola Administración, pero algúns non queren. É o caso da Federación Olívica de Anpas (Foanpas) e outras asociacións análogas da área de Vigo, que aprobaron en asemblea a semana pasada enviar os seus fillos ao colexio sen o material escolar.

As resistencias das anpas non responden aos atrancos burocráticos na tramitación das axudas senón ás axudas en por si. Non admiten, e así llo fan saber á Xunta, a mudanza no modelo, que pasou da gratuidade total que implantara o goberno bipartito durante a lexislatura pasada á chamada “gratuidade solidaria” que vén de poñer en marcha o novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. Os libros, que este ano serán un 1,8% máis caros que hai doce meses, segundo a Asociación Nacional de Editores de Libros y Material de Enseñanza (Anele), xa non serán de balde para as familias.

O novo modelo, que xa se estaba a aplicar noutras comunidades autónomas gobernadas polo PP e que a partir de mañá se estreará en catro cursos de Primaria, bonifica a compra dos libros pero só ás familias coas rendas máis baixas, isto é, ás que non superen os 9.000 euros de ingresos brutos anuais por persoa. Educación devolverá 180 euros por neno ás familias máis desfavorecidas, con ingresos inferiores a 5.400 euros por persoa, e 104 a aquelas que reciban entre 5.400 e 9.000 euros por membro ao longo do ano. No caso de Educación Especial, todas as familias recibirán 250 euros por estudante, independentemente do poder adquisitivo que teñan.

As reticencias de pais e directores a asumir este novo sistema, sumadas á ruptura cos sindicatos, que se levantaron o luns da Mesa Sectorial acusando de “autoritario” o conselleiro de Educación, evidencian que este é o inicio de curso máis conflitivo dos últimos anos. Hoxe, a 24 horas do regreso ás aulas de 193.000 escolares, os profesores das Escolas de Idiomas empezan a súa folga.

Publicado en Xornal.com

Ningún comentario: