O Consello da Xunta aproba a convocatoria de bolsas para a adquisición de libros de texto no curso 2009-2010
O Consello da Xunta aprobou hoxe a convocatoria de bolsas para a adquisición de libros de texto no curso 2009-2010, no que comezará a implantarse o novo modelo de gratuidade solidaria. Este programa, que dotará ás familias de bolsas en función da súa renda, substituirá progresivamente ao de préstamo vixente, comezando polos cursos de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial.
Estas bolsas, dotadas cunha cuantía total de 6,9 millóns de euros, serán outorgadas en función do nivel adquisitivo de cada familia. Todos os fogares con ingresos inferiores aos 9.000 euros per cápita recibirán unha axuda de 104 euros por cada neno. Se ademais os ingresos son inferiores a 5.400 euros per cápita ou 6.000 no caso de familias monoparentais- a bolsa increméntase ata os 180 euros. Para os alumnos de Educación Especial, a Consellería de Educación garante 250 euros, sexa cal sexa o nivel de renda.
A convocatoria terá en conta o exercicio fiscal do ano 2008 e presenta unha atención especial ás familias con membros afectados por minusvalías igual ou superior ao 33%, xa que estas persoas computarán por dúas á hora de establecer o nivel de renda.
O sistema de gratuidade solidaria comezará a implantarse en 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e Educación Especial debido a que hai que repoñer os manuais destes cursos o vindeiro ano. No resto dos niveis substituírase progresivamente o de préstamo ata quedar completamente implantado a partir do 2012-13.
As solicitudes poderanse recoller nos centros, nas delegacións territoriais ou na páxina web www.edu.xunta.es e o prazo para a súa presentación será do 1 ao 30 de setembro. Así mesmo, estas solicitudes terán que presentarse nas secretarías dos centros educativos, que deberán proporcionar asesoramento ás familias que o requiran.
Unha vez tramitadas e resoltas as axudas, os listados definitivos de admitidos publicaranse nos taboleiros dos centros, no portal educativo da Consellería e nos departamentos. O pago farase a través dos centros que terán 10 días para o aboamento aos beneficiarios.
A axuda será compatibles con outras destinadas ao mesmo fin sempre que non se supere o custo dos libros e materiais subvencionados e deberá destinarse integramente a súa adquisición.
Podedes ver esta información no Portal da Xunta, facendo clik aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario