venres, 12 de xuño de 2009

Os directores/as dos centros públicos de Cangas cuestionan a enquisa sobre o uso das linguas

Profesores e profesoras do CEIP A Rúa, ante o procedemento aberto pola consellería de educación e ordenación universitaria de consulta ós pais e nais do alumnado dos colexios públicos e concertados sobre o ensino das linguas, queremos manifestar o seguinte: pincha aquí

Os directores/as dos centros públicos de Cangas cuestionan a enquisa sobre o uso das linguas
.........................................................

COMUNICADO DE PRENSA DOS ENDL


PRESIÓNS POR PARTE DA INSPECCIÓN EDUCATIVA

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística quere poñer en coñecemento público a presión que está sendo exercida cara aos equipos directivos por parte de membros do Corpo de Inspectores. Con estas presións búscase impedir que se informe ás nais e aos pais, que van responder á enquisa da Consellería de Educación.

Deste xeito, á parte de oralmente, estanse enviando notas con instrucións ás direccións dos centros educativos.

Ante estes feitos, a Coordinadora quere manifestar:

A) Que os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) son instrumentos legais dos centros educativos que realizan habitualmente campañas de sensibilización, información e promoción da lingua galega.

B) Que as presións de membros do Corpo de Inspectores están impedindo que os ENDL realicen o seu labor informativo e divulgativo de xeito normal.

C) Que os trípticos informativos repartidos polos ENDL non atacan a ninguén, limitándose a informar a partir de material académico de recoñecido prestixio, avalado por dúas universidades galegas (Cummins, Baker, I Vila, Sobrado Fernández),.

D) Que os ENDL non recibiron ningunha nota escrita da Inspección Educativa na que se pida retirar a campaña informativa, polo que animamos a que continúe a distribución dos trípticos: As linguas suman

E) Que a inspección educativa non debe interferir nas funcións propias dos ENDL, sempre que estas se axusten a dereito (o capítulo VII, artigo 83 do Regulamento Orgánico dos Centros destaca que é competencia do ENDL “presentar proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva da lingua no uso da lingua propia”, alén de “proporcionar informacións sobre as actividades do Equipo e de todos aqueles actos e institucións culturais relacionados coa realidade galega”

F) Que consideramos lamentables os intentos de impedir informar ás nais e aos pais. Como educadores só podemos afirmar que información rigorosa nunca é perigosa, senón fonte de coñecemento e liberdade.

Visto o cal, solicitamos á Inspección Educativa que cese nos seus intentos de interferir no correcto funcionamento dos ENDL e remate as presións ás direccións e docentes de moitos centros para impedir que os Equipos de Normalización e Dinamización poidan realizar o seu labor con normalidade.

Compostela, 11 de xuño 2009.

Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística



Comunicación de CONFAPA sobre a enquisa ás nais e pais

Ante a demanda de orientación que as ANPA nos estades facendo chegar, a Federación Provincial de Pontevedra xunto coas demais de Galicia, reunidas en CONFAPA-GALICIA, queremos facervos chegar a seguinte comunicación oficial coa valoración que facemos respecto desa minienquisa sobre aspectos educativos que a Consellería pretende facernos chegar dentro duns días a través dos nosos fillos e fillas.




Nos vindeiros días tamén vos chegará directamente desde a Confederación galega (CONFAPA) o texto do comunicado que engadimos como anexo
Anexo

CIRCULAR Nº 89/09
Estimados compañeiros e compañeiras:

O galego é a lingua propia de Galicia. Tódolos galegos teñen a obriga de coñecela e o dereito de usala. E dicir, teñen o dereito non a obriga.

Hai que determinar na Ensinanza Primaria e Secundaria unhas materias que se deben impartir en galego e garantir que todo o alumnado adquira unha boa competencia nas dúas linguas oficiais establecendo o equilibrio necesario. Neste senso, non se debe esquecer que os centros deberán elaborar un proxecto lingüistico no que se terá en conta os criterios e as medidas necesarias para o cumprimento dos obxectivos previstos. Este proxecto lingüístico do Centro será aprobado e avaliado polo Consello Escolar.

Dende as aulas non se pode contribuír a desigualdade social entre as linguas, senón que se debe posibilita-lo seu uso normal en calquera contexto e situación. E iso ten vixencia para ámbalas dúas linguas oficiais.

Non quixeramos nós, baixo ningún concepto, contribuír a impedir o desenvolvemento dun dos trazos mais significativos dos galegos. A mellor maneira que temos de contribuír á creación dun mundo mellor, é a partir do propio, para compartilo.

Temos a obriga de non renunciar ao noso idioma, a tódolos idiomas; sobre todo cando, identidades á marxe, estando presente no currículo, como materia de estudo e ampliando os seus ámbitos de uso, de todos eles, chegaremos á verdadeira competencia lingüística (entender, falar, ler, escribir).

O que debemos ter presente é que debemos planificar lingüisticamente con seriedade, rigor, competencia profesional e sen complexos.

Tódalas linguas son necesarias, por iso non renunciamos ao galego.

Unha das primeiras medidas que tomou a actual Consellería de Educación da Xunta de Galicia é sondar os pais e nais sobre o uso das linguas na ensinanza non universitaria de Galicia, o que se resume no eterno debate entre o uso do galego ou non. O primeiro problema ou erro que cuestionamos é o rigor científico desta enquisa, ademais de considerar que a Consellería de Educación debe preocuparse doutras moitas cuestións que consideramos de maior relevancia.

CONFAPA-GALICIA sabe que a escola pública ten outras moitas prioridades que mellorar, como por exemplo: pavillóns deportivos, patios cubertos, profesores de apoio, profesores para nenos con necesidades educativas especiais, coidadores na etapa 3-5 anos, coidador/recepcionista de centro dos alumnos transportados, prazas nos comedores escolares, plan de actividades extraescolares, e un longo etcétera.

Dende a Confederación Galega de APAS recomendámosvos que lles indiquedes aos vosos asociados e tamén aos pais e nais dos Centro, que sería moi importante para a escola, que no apartado de “Comentario ou suxestión que desexe facer” da enquisa, se fixese constar os problemas ou cuestións mellorables no Centro.

Saúdos.


A Coruña, 8 de xuño de 2009

1 comentario:

Ana dixo...

Felicito a ANPA pola valente cobertura desta noticia. Se queredes podedes engadirlle o comunicado que os directores/as de Cangas publicamos hoxe na prensa:
http://www.lavozdegalicia.com/vigo/2009/06/13/0003_7781758.htm